<$BlogRSDUrl$>
Queremos crear un espacio de debate. Mentras avanzamos no uso da informática, aquí tes as nosas reflexións.
Se queres contarnos algo, ou se queres recibir automáticamente no teu correo os artigos, escribenos a QUEDAMOS SEN CORREO

2005-02-09

ONDE A HISTÓRIA? 

Vem de sair recentemente um novo número da revista A Estrada. Miscelánea histórica e cultural, editada polo Museu do Povo Estradense Manuel Reimóndez Portela (www.aestrada.com/fcultural/libmis7.htm).

Som publicados neste número umha série de artigos de interesse para a história local, entre os que destacamos e recomendamos dous documentos fotográficos: Alén da saudade: a fotografía como documento histórico, de Juan Andrés Fernández Castro e a A razoable esperanza. Quince momentos, de Alberte Maceira Peiteado.

Mas nom podemos deixar de fazer umha reflexom sobre um outro dos artigos incluidos: Alcaldes Estradenses, de Mª Jesusa Fernández Bascuas (págs 376-390).

O trabalho consiste na recopilaçom de nomes e dados gerais de todas as pessoas que ocupárom a alcaldia do Concelho da Estrada desde a fundaçom deste. O artigo semelha limitar-se a dar umha nómina de nomes com a data em que assumirom o cargo e a de abandono e assim está estruturado: acaróm do ano, figura nos títulos dos epígrafes o nome da pessoa da qual se faz mençom, com umha breve resenha biográfica e histórica se estas som possíveis.

Porém, lendo o artigo e chegando ao ano 1936, encontramos a seguinte informaçom:

“1936. PUENTES FONTANES, JESÚS.

[…] o 5 de maio de 1936 constitúese a comisión Xestora Municipal que o elixe como alcalde presidente da mesma. A situación dura ben pouco porque a sesión do 26 de xullo de 1936 non se celebrou por estar detidos ou en paradeiro descoñecido a maioría dos compoñentes da comisión xestora.

De seguido noméase a Benito Vigo Munilla Delegado para encargarse da Administración Municipal, pero renuncia, designándose entón a

1936. GIL CRESPO, PEDRO.

[…] Capitán retirado de Infantería…” (caracteres destacados da nossa responsabilidade)

E aí acaba toda a informaçom. Nem se indica por que estavam detidos ou em paradoiro desconhecido (como se tivessem faltado à reuniom por gosto o por andar de parranda) nem se fam alusons de nengum tipo aos factos políticos que tinham acontecido entre esse 5 de Maio e esse 26 de Julho de 1936.

Pode ser aduzido que o carácter do artigo nom pede estes dados, mas entom nom percebemos por que sim se oferece informaçom sobre o contexto político em outros casos:

1922. DURÁN TABOADA, JESÚS.

[…]Antes de que rematen os dous anos hai un cambio político importante coa chegada ao poder de Primo de Rivera en Setembro de 1923.

O pleno do 1 de Outubro de 1923 é presidido por D. Adriano del Pino Sáinz, comandante militar desta plaza (sic) xunto co alcalde, D. Jesús Durán Taboada…” (Pág. 376). A continuaçom é reproduzido um trecho do telegrama no que se dá ordem de destituir a corporaçom e nomeiar umha nova sob presidência da autoridade militar (págs. 376-377).

Por que em um caso há tanta pormenorizaçom e no outro so há alusons indirectas? Por que nom se explicita a situaçom à que se vírom submetidos os membros dessa Comissom Gestora que governava o Concelho no 36? Por que nom somos informados da sua sorte meses depois do Golpe de Estado? Nom o sabe a autora do artigo ou nom quer que o saibamos @s leitores/as?

Como somos curisosos de natureza figemos aquilo que deve ser feito nestes casos. Recorrer à bibliografia. No mesmo artigo é citada a obra de outro estradense e a ela fomos na procura de informaçom. No estudo de Xoán Carlos Garrido Couceiro, Manuel García Barros.Loitando sempre, é feito, apartir da biografia do escritor, un percorrido pola história da Estrada no século XX. Neste estudo son referidos os acontecimentos do 36. É citada a formaçom da antedita Comissom Gestora com grandes problemas para pór de acordo aos distintos grupos que integran a Frente Popular (sim, claro, o concelho estava em mans de republicanos). Desde o 5 de Maio dam-se contínuos ataques a Jesús Puente desde o Partido Galeguista e Izquierda Republicana pola forma que tem de levar o concelho, mas “o 18 de xullo producíase un feito que botaría por terra todo o traballo realizado, e as victorias electorais alcanzadas: o golpe militar encabezado polo Xeneral Franco trunfaba en Galicia. Nun principio o alcalde, Xesús Puente, recolle todas as armas de que ten constancia e organízase desde o concello un grupo de labregos e obreiros fornecidos con escopetas dos coellos, que montados en coches e autobuses, se dirixen a liberar Pontevedra. Alí topan coas forzas regulares, con armamento pesado, e armas automáticas; e teñen que recuar antes de atravesar a Ponte do Burgo. Finalmente a Garda Civil co apoio da Igrexa e da extrema dereita da Estrada (coa colaboración de partidas falanxistas de Vilagarcía), a que se unen arribistas que aproveitan a coxuntura, toman o poder municipal, e desátase a máis brutal represión que nunca se tivera coñecido na historia local e nacional” (págs.135-136). Mais adiante lemos que “os concelleiros do Frente Popular son detidos e despois dun xuízo esperpéntico, son condenados a morte e executados” (pág. 174). É dizer: o alcalde e parte da corporaçom som detidos por defender a República e o Regimem Democrático com todas as suas (poucas) armas; os concelheiros em paradoiro desconhecido estám fugidos e som acobilhados em casa, precisamente, de Garcia Barros.

A obra de Garrido Couceiro inclui a reproduçom de um documento digno de presidir o trabalho de Fernández Bascuas: Carta do Teniente de alcalde da Estrada diante da condea a morte aos concelleiros (pág. 140). Datada o 13 de Março de 1937 e escrita por Ramon Fernández (membro da Gestora) desde o cárcere de Pontevedra, defende a legalidade das acçons levadas a cabo polos membros da Gestora, faz umha defesa da República, pede protecçom para as suas famílias e reclama o reconhecimento futuro, chegados tempos melhores: “queridos camaradas, existen nestes momentos de innegable esquecemento máis nomes que temos que gravar con letras de ouro, o nome de máis mártires da Estrada, vitrinas da mais ignomiosa opresión que os séculos viron: Ramón Fernández Rico, Manuel Nogueira González, Jesus Puente Fontanés, José Mª Pena López, Cándido Tafalla Trois e José Rodríguez Sangiao. Tampouco imos esquecer a José Gómez Rivas, Manuel Ponte Porto, José Fernández Cortez, JoséVidal Puga, Manuel Vázquez Cruz e José Graciano García e vós engadiredes se algún cae despois de nós” (pág. 140): Na carta fam os concelheiros duas petiçons explícitas: “Esperamos que na próxima reunión despois de posesionarvos do Concello, conste esta carta mal fiada no libro de actas. Que unha das rúas máis céntricas da florecente vila levará esta inscrición: Mártires da Estrada. E que obraredes como volo pedimos no nome da república e da democracia, e do ideal que nos leva a tomba”.

Mas semelha que esses tempos melhores nom tenhem chegado. A toda esta informaçom tinha acesso a autora do artigo, pois ela mesma a cita na sua bibliografia. Portanto, devemos entender que se nom a coloca no seu artigo é porque nom quer.

Nom é precisamente o anuário do Museu do Povo Estradense o espaço adequando para começar esse labor de reconhecimento futuro reclamado por aqueles que nos governárom no passado?? Nom mereciam ser citados polo menos como assassinados ou executados no exercício do seu cargo nesta relaçom de alcaldes?? Aproveitando, nom é hora de recuperar a memória destas pessoas, e dar-lhes aquilo que pedírom, o seu nome a umha rua? Por que nom à Praça Martínez Anido?.

Evidentemente, há alguém que @s estradenses nom nos merecemos, ou os mártires do passado, ou algum/ha historiador/a do presente.

BIBLIOGRAFIA:

A Estrada. Miscelánea histórica e cultural. Número 7 [2004].

GARRIDO COUCEIRO, Xoán Carlos: Manuel García Barros.Loitando sempre. Edicións Fouce. Vigo 1995.


Comments:
Ostia, de que vos estrañades? O fulano é a imaxe e semellanza de Chito!!
 
Non entendo este comentario ... ¿A que fulano te refires?
¿Ao Alcalde asasinado?
¿A X.C.Garrido?
¿A García Barros?

Exprésate con maior claridade
 
Merda, post equivocado!! Ía polo artigo de Martínez Anido...
 
Enviar um comentário

This page is powered by Blogger. Isn't yours?